Thursday 09 de May de 2024

Fene abre este venres o prazo para inscribirse nas actividades deportivas do Nadal


O calendario deportivo municipal comeza tamén o venres, coa inauguración da exposición “Galiza, un Pobo, unha selección”

A Concellería de Deportes de Fene anunciou esta mañá os prazos de inscrición nas actividades deportivas programadas de cara a este Nadal, que se complementarán coa ampla oferta cultural publicada hai tan só uns días. No caso das citas deportivas, o Concello preparou unha chea de propostas para todas as idades, aínda que na súa maioría van dirixidas á rapazada e a público familiar, ademais de ter algunhas delas unha importante compoñente de conciliación.

Así, tres dos obradoiros organizados pola área de Deportes son o campamento Campanadal para as máis pequenas e pequenos da casa, as sesións de iniciación á patinaxe para menores e persoas adultas e o ciclo de artes marciais Guanteo e Pateo, pensado para a mocidade. Estas tres propostas desenvolveranse durante os días 27, 28, 29 e 30 de decembro, 3 e 4 de xaneiro.

Completan a programación a actividade de xogos acuáticos en familia na piscina municipal de Centieiras -do 23 de decembro ao 7 de xaneiro- e a exposición “Galiza, un Pobo, unha selección”. Esta última mostra está promovida por Vía Galega coa colaboración do Concello de Fene e poderá visitarse no pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín) do 10 ao 30 de decembro.

Para anotarse nas actividades hai que pasar polas dependencias de Cultura e Deportes (Avda. Naturais, nº 44, entrechán) pedindo antes cita previa no 981 340 366. Atenden de luns a venres de 8:00 a 14:00h. O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 10 até o 22 de decembro.

No caso dos xogos acuáticos en familia non fai falla inscrición previa, pero recoméndase contactar coas instalacións de Centieiras -981 344 341 / 607 627 103- para reservar día e hora dentro dalgunha das tres quendas dispoñibles: de 11.15 a 12.00 horas, de 12.00 a 12.45 horas e de 12.45 a 13.30 horas. Para a exposición aberta na Xunqueira non fai falla nin inscrición nin reserva previa.

Na programación deportiva do Nadal do Concello de Fene colaboran a Escola de artes marciais e deportes de contacto KANG e a Plataforma Vía Galega.

PROGRAMA COMPLETO

Exposición: “Galiza, un Pobo, unha selección”
do 10 ao 30 de decembro, Pavillón da Xunqueira
Exposición impulsada por Vía Galega coa colaboración do Concello de Fene, que se poderá visitar no pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín) do 10 ao 30 de decembro de 2021. O horario de visita será de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas e os fins de semana nos horarios das competicións. A iniciativa “Galiza, un Pobo, unha selección” é unha mostra de 20 paneis explicativos dividos en 17 bloques temáticos a favor das seleccións nacionais galegas que tratan a traxectoria do deporte galego. A mostra pertence a unha campaña organizada por Vía Galega que ten como obxetivo reivindicar as seleccións deportivas galegas, tanto masculinas como femininas, en todos os deportes colectivos como un dereito do Pobo galego. Ademáis, tamén pretenden pór en valor e potenciar os deportes autóctonos, amosar a potencialidade no ámbito deportivo de Galicia, coñecer a historia deportiva, a importancia para a cultura, galeguizar o deporte galego e impulsar a igualdade de xénero. Actividade de balde, sen reserva previa.

Obradoiro Guanteo e pateo
27, 28, 29 e 30 de decembro, 3 e 4 de xaneiro de 10.00 a 12.00 horas no Ximnasio Fitness Fene
Obradoiro de Nadal orientado á rapazada de 12 a 18 anos cumpridos a 31 de decembro de 2021, no que realizarán actividades relacionadas coa autodefensa: traballo de resolución de conflitos, técnicas de golpeo, guanteo e pateo, defensa sobre agarres, etc. Ofértanse 15 prazas e o custe para toda a actividade é de 15,70€. Só se require roupa cómoda e mascarilla

Campanadal para peques
27, 28, 29 e 30 de decembro, 3 e 4 de xaneiro de 10.30 a 13.30 horas no Pavillón de A Xunqueira
Campamento de Nadal orientado aos máis pequenos e pequenas, de 4 a 11 anos cumpridos a 31 de decembro de 2021, no que realizarán actividades variadas distribuídos en grupos de idade: xogos, manualidades, multideporte, baile, música, … con contos cheos de maxia, con historias e personaxes propias do Nadal que farán que os nenos e as nenas se sintan a gusto, disfruten, compartan, aprendan movéndose e gocen do Nadal. Hai 20 prazas dispoñibles e o custe do programa de actividades é de 15,70€.

Patinaxe para todas as idades
27, 28, 29 e 30 de decembro, 3 e 4 de xaneiro de 11.00 a 12.00 e de 12.00 a 13.00 horas no Pavillón de A Xunqueira
Cursiño de patinaxe dirixido a persoas adultas e rapazada maior de 5 anos, dende iniciación ata técnicas máis avanzadas, no que haberá tres grupos de aprendizaxe en cada hora, que se distribuirán segundo as idades e o nivel de cada participante. Material necesario: patíns, casco, xeonlleiras, muñequeiras e mascarilla. O prezo da actividade son 6,25€ e hai un total de 24 prazas para cada quenda.

Xogos acuáticos en familia
Piscina de Centieiras, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro
O Concello de Fene oferta a nenos e nenas a posibilidade de asistir á piscina para realizar actividades lúdicas utilizando o material da instalación. Cada neno/a deberá estar acompañado por unha persoa adulta. No caso de irmáns poden ser 2 nenos/as acompañados/as por unha persoa adulta. Para participar haberá que pagar só a entrada da persoa adulta: 3,25 €.

No caso de dispoñer de bono deporte, este poderá ser utilizado do mesmo xeito que unha entrada normal, utilizando só unha entrada para a persoa adulta (na que estarán incluídos os/as menores).

Resérvanse tres rúas da piscina para esta actividade, de 11:15 a 13:30 horas, e cada grupo de participantes estará debidamente separado. Non é necesario realizar inscrición previa, pero si é recomendable facer reserva de rúa antes de ir, co fin de garantir que haxa espazo libre.

A reserva anticipada hai que facela contactando co 981 344 341 / 607 627 103, dentro do seguinte programa: de luns a venres do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (de 11.15 a 12.00 horas, de 12.00 a 12.45 horas e de 12.45 a 13.30 horas). Ocupación da piscina: 18 personas/hora

Información e inscricións
Para ampliar datos sobre o programa deportivo de Nadal pódese contactar co departamento de Deportes do Concello de Fene chamando aos teléfonos 607 615 962 e 981 340 366, ou ben acudir á web www.fene.gal.

Para anotarse nas actividades -agás a exposición e os deportes acuáticos- hai que pasar polas dependencias de Cultura e Deportes (Avda. Naturais, nº 44, entrechán) pedindo antes cita previa no 981 340 366. Atenden de luns a venres de 8:00 a 14:00h. Recordamos, o prazo permanecerá aberto desde o 10 até o 22 de decembro.